Tuesday 17 de September de 2024

Bo ritmo de actuación na execución do proxecto de ampliación do punto limpo


O investimento alcanza os 250.000 euros a cofinanciar entre o Concello e a Xunta de Galicia.

O alcalde, José Manuel López Varela, o tenente alcalde, José Ramón Martínez Barbeito, e o concelleiro responsable da área de Obras Públicas, Pablo Cambón, supervisaron hoxe as obras de ampliación das instalacións do punto limpo acompañados polo responsable da empresa encargada da execución do proxecto.

A intervención que se está levando a cabo permitirá incrementar os espazos e reforzar os servizos que o punto limpo ofrece á cidadanía, optimizando así o procedemento de xestión do material de reciclaxe e daquel que polas súas características require dun tratamento específico e non debe depositarse nos contedores de residuos sólidos urbanos.

O proxecto contempla a urbanización dun sector da parcela contigua ao punto limpo -fase na que se centran os traballos no momento actual- para a creación dun novo espazo con acceso pola entrada principal que complemente ao xa dispoñible no momento actual. Así, facilitarase ao persoal o desenvolvemento das tarefas de recepción, separación, clasificación, almacenamento e control dos residuos para a súa posterior derivación ao xestor correspondente.

Posteriormente construiranse dúas marquesiñas cubertas (unha para o depósito de contedores e realización de labores de mantemento por parte do persoal das instalacións e, a outra, para contedores especiais) e serán habilitadas máis plataformas para incrementar a cantidade de contedores dos diferentes tipos de residuos. Ademais crearanse unha zona de aparcamento de vehículos e áreas axardinadas. O novo ámbito contará con sinalización vertical e horizontal dos diferentes espazos interiores (manobra, aparcamento, almacenamento de residuos, etc.), así como con rede de recollida de augas pluviais.

Neste proxecto o Concello e a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, invisten 250.000 euros co obxectivo de mellorar as instalacións e optimizar o servizo que se presta para beneficio xeral da cidadanía larachesa.
O punto limpo da Laracha, situado xunto á ponte do Formigueiro e moi próximo á capital municipal, e un equipamento municipal chave para a conservación do entorno e o respecto do medio ambiente, xa que ofrece á cidadanía a posibilidade de desbotar aqueles residuos domésticos que polas súas características non poden depositarse nos colectores de lixo con garantía de que recibirán o tratamento axeitado, mesmo recuperando os máximos compoñentes posibles para a súa reciclaxe.

A ampliación do punto limpo enmárcase nas actuacións promovidas polo Concello para facer da Laracha un municipio máis sostible de acordo aos compromisos adquiridos ao confirmar a adhesión ao Pacto das Alcaldías e tamén ás directrices establecidas na Axenda 2030.